fotografía, montañas, nubes, poesía, pegadas, flores, músicas, cumios, pinturas, ventisca, refuxios, fayas, neve, lume, ensaio, imaxes, natureza, morriñas, verbas, encrucilladas, viaxes, moitas folerpas e algún que outro recendo a sal iodado.


Pinturas de Li Chevalier e textos de Fernando G. Montiel.


martes, 8 de febrero de 2011

Xaneiro en Panderrueda

E a montaña é tamén o mundo da neve. Esa branca postal dun territorio cada vez menos indómito e por iso cada vez máis fráxil. Hai que liscar das estacións e buscar os seus infinitos recunchos aínda intactos. E alí, mergullado no seu silenzo branco é difícil fuxir da londoniana chamada do salvaxe que se sinte percorrendo os seus espazos coa ollada ou cos pés. A neve ten un poder sedante e embriagador ao que penso que poucos poden sustraerse; polo menos eu non souben nin quixen. Cando cae son flores e cando se deita é sereno e cándido manto que case que temes transgredir. É o signo da pausa, da calma, un síntoma do inverno, que ralentiza a vida, que xea o tempo nunha caste de fotografía predixital e o transforma en algo máis demorado, intenso e vívido.

Lembro hai uns anos, en Picos de Europa, con especial nitidez unha solitaria excursión con raquetas dende o porto de Panderruedas saindo das fayas cara ao cordal de Frañana por Peña Cebolleda e o Gildar nunha xeada e transparente mañá de xaneiro. O ceo limpo fería os ollos de azul e un tupido e denso manto branco cubría todo o que alcanzaba a ollada despois duns días de fortes nevaradas. A vista abranguía o Macizo Central dende o sur co imponente Friero , o val de Valdeón, a Bermeja cara a occidente e a parte alta do desfiladeiro do Cares ao lonxe separando o Cornión dos Urielles. O día era fermoso e camiñaba gozando dunha emoción e plenitude indescriptibles. Montañeiras e invernais emocións irrepetibles que nos pasean, en ocasións sinaladas, pola beira soleada da vida.






No hay comentarios:

Publicar un comentario